Saturday 04 de May de 2024

Rosalía de Castro protagoniza a axenda cultural do mes de febreiro en Padrón


 

Nas próximas semanas o Concello intensificará a actividade cultural para enxalzar a figura da escritora máis representativa da vila padronesa

O pistoletazo de saída das actividades para conmemorar a figura de Rosalía de Castro ao longo do mes de febreiro darano “Os Quinquilláns” coa representación de ‘A pluma viva de Rosalía’, unha obra dirixida aos nenos e nenas de 3º e 4º da ESO dos IES de Padrón. Posteriormente, os días 11, 12, 13, 19 e 20 haberá visitas teatralizadas á Casa Museo Rosalía de Castro dirixidas aos centros educativos da vila.

O martes 18 de febreiro para a rapazada de 2º e 3º de Primaria do CEIP Rosalía de Castro e CEIP Flavia haberá un espectáculo de títeres baixo o título ‘Gale, historia da lingua’, e o 19 de febreiro será o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e 1º de Primaria dos mesmos centros, os que asistirán como público á representación do grupo Títeres a Xanela do Maxín, ‘A toupiña que quería saber quen lle fixera aquelo na cabeza’.

Paralelamente a toda esta programación, durante os días 22, 23 e 24 de febreiro os establecementos de hostalería que teñan un cartel identificativo ofrecerán o caldo de Rosalía para a súa degustación.

E, como broche final, o venres 28 de febreiro o Auditorio Municipal acollerá a presentación do poemario ‘O corazón pronúnciase extenso’ de Oriana Méndez Fuentes, gañadora do V Certame Poético Rosalía de Castro. E na mesma sesión, terá lugar a representación de ‘A pluma viva de Rosalía’ do grupo “Os Quinquilláns”.

VI Certame Poético Rosalía de Castro
Pola súa parte, o VI Certame Poético xa está convocado, e o prazo para enviar o teu poema e candidatura para o concurso remata o 16 de marzo. Pódense presentar todas as obras inéditas en lingua galega, que non houbesen sido premiadas noutras competicións. O premio é de 1.500 euros e un diploma acreditativo, e a obra premiada será publicada na colección de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón.